Baloncesto Cadete Fem. B Top Quality Cars Cambre 56 CD Los Rosales 26

A ESTREA DA INXENUIDADE

 

Temos por costume establecer expectativas do que vai acontecer cando afrontamos algo novo, especialmente se nos estresa. Xa nos poden contar o que queiran que a nosa cabeciña vai decidir que con 14 anos comezo unha nova etapa na categoría cadete e teño que estar á altura.
E que pasa se a altura de momento é moita? Custa traballo asumir que xogamos contra rapazas moito máis expertas, con máis horas de voo e as mesmas ganas ca nós. Xogamos contra Cambre A, ese rival simpático onde cada vez que visitas a súa pista atopas a alguén encantado de verte. Dende as xogadoras ata a directiva ou os conserxes todo son boas palabras, como se xogases na casa.
Comeza o partido e temos problemas para sacudirnos o nerviosismo inicial. Elas tamén, e nótase no marcador que o 6-5 de inicio vai ser só que o motor estaba frío. Chega o segundo cunha chea de puntos para o rival, que anota de xeito inesperado embaixo do noso aro, xerando ese sentimento de impotencia de: “estanme a gañar as costas a cada rato e nótase…” e non atopamos como axustar o que aínda non temos consolidado. Encaixamos un duro 22-5 e a remar…
No descanso despexamos as dúbidas dalgunha cara abatida, acendemos a chama e tomamos decisións. Nos días difíciles é cando hai que estar, e este non é dos peores…Saímos decididas a dar a cara e este 10-6 do terceiro parcial xa nos da esperanzas de mellora. Podemos xogar a isto, as canastras xa entrarán. De momento conseguimos defender algo máis.
No derradeiro cuarto o rival volta a correr, aínda que xa estamos máis centradas e serenas (18-10). Acaba o partido 56-26 e xa sabemos onde estamos e o que temos que mellorar. Haberá días peores? Seguro, pero mellores tamén. O que temos claro é que a pesar dos momentos de desesperación e dalgunha bágoa que asomou polo banquiño, isto impórtanos. Cando traballas duro, todo acaba chegando, e isto é só o comezo.

Cambre A 56: Villa, Mira, Gutiérrez, Da Silva, Rey, Díaz, E., Andrade, Díaz, I., Mayer e Pereiro.
Adestrador: Borja López.

Rosales B 26: Elia Calatayud, Sabela Cavielles, Tainara Gonçalves, Uxía Blanco, Lucía Fernández, Paula Lozano, Lucía López e Emma Villafañe.
Adestradora e crónica : Edda Beltrán.

Foto: cortesía de CB Cambre.